CARTA DE PRINCIPIOS DO FORO SOCIAL MUNDIAL
O Comité de entidades brasileiras que organizou o primeiro
Foro Social Mundial, realizado en Porto Alegre do 25 ao 30
de Xaneiro de 2001, considera necesario e lexítimo, despois
de analizar os resultados de dito Foro e as expectativas por
el creadas, estabelecer una Carta de Principios que oriente
a continuidade desa iniciativa. Os principios que constan na
Carta - que deberán ser respetados por todos os que
desexaren participar do proceso e por aqueles que sexan
membros da organización das novas edicións do Foro Social
Mundial - consolidan as decisións que presidiron o Foro de
Porto Alegre, que garantiron o seu éxito e ampliaron o seu
alcance, definindo orientacións que parten da lóxica desas
decisións.
-
Foro Social Mundial é un espazo aberto de encontro para:
intensificar a reflexión, realizar un debate democrático
de ideas, elaborar propostas, estabelecer un libre
intercambio de experiencias e artellar accións eficaces
por parte das entidades e os movementos da sociedade civil
que se opoñan ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo
capital ou por calquera forma de imperialismo e, tamén,
empeñados na construcción dunha sociedade planetaria
orientada cara a unha relación fecunda entre os seres
humanos e destes coa Terra.
-
Foro Social Mundial de Porto Alegre foi unha realización
colocada dentro do seu tempo e espazo. A partir de agora,
baseándose na proclamación que xurdiu en Porto Alegre de
que "outro mundo é posibel", o Foro convértese nun proceso
permanente de búsqueda e construcción de alternativas, non
limitándose exclusivamente aos eventos que lle dean apoio.
-
Foro Social Mundial é un proceso de carácter mundial.
Todos os eventos que se realicen como parte deste proceso
terán unha dimensión internacional.
-
As alternativas propostas no Foro Social Mundial
contrapóñense a un proceso de globalización, comandado
polas grandes corporacións multinacionais e polos gobernos
e institucións que serven aos seus intereses, coa
complicidade dos gobernos nacionais. Estas alternativas
xurdidas no seo do Foro teñen como meta consolidar unha
globalización solidaria que, como unha nova etapa na
historia do mundo, respete os dereitos humanos universais,
a todos os cidadáns e cidadás de todas as nacións e ao
medio ambiente, apoiándose en sistemas e institucións
internacionais democráticos que estean ao servizo da
xustiza social, da igualdade e da soberanía dos pobos.
-
Foro Social Mundial reúne e artella a entidades e
movementos da sociedade civil de todos os países do mundo,
pero non pretende ser unha instancia de representación da
sociedade civil mundial.
-
As reunións do Foro Social Mundial non teñen un carácter
deliberativo. Ou sexa, ninguén estará autorizado a
manifestar, en nome do Foro e en calquera dos seus
encontros, posicións que foran atribuidas a todos os seus
participantes. Os participantes non deben ser chamados a
tomar decisións, por voto ou aclamación - como conxunto de
participantes do Foro - sobre declaracións ou propostas de
acción que inclúan a todos ou á súa maioría e que se
propoñan a ser decisións do Foro como tal.
-
Por conseguinte, debe asegurarse que as entidades
participantes dos encontros do Foro teñan a liberdade de
deliberar - durante a realización das reunións - sobre
declaracións e accións que decidan desenvolver,
illadamente ou de forma artellada con outros
participantes. O Foro Social Mundial comprométese a
difundir ampliamente esas decisións, polos medios ao seu
alcance, sen direccionamentos, xerarquizacións, censuras
ou restriccións, aclarando que son deliberacións das
propias entidades.
-
O Foro Social Mundial é un espazo plural e diversificado,
non confesional, non gubernamental e non partidario, que
artella de maneira descentralizada e en rede a entidades e
movementos que estean implicados en accións concretas pola
construcción dun mundo diferente, local ou internacional.
-
O Foro Social Mundial sempre será un espazo aberto á
pluralidade e á diversidade de actuación das entidades e
movementos que queiran participar, ademáis de aberto á
diversidade de xéneros, etnias, culturas, xeracións e
capacidades físicas, desde que sexa respetada a Carta de
Principios.
Non
deben participar no Foro representacións partidarias nin
organizacións militares. Poderán ser invitados a
participar, con carácter persoal, gobernantes e
parlamentares que asuman os compromisos desta Carta.
-
O Foro
Social Mundial oponse a toda visión totalitaria e
reduccionista da economía, do desenvolvemento e da
historia e ao uso da violencia como medio de control
social por parte do Estado.
Propugna o respeto aos Dereitos Humanos, a práctica dunha
democracia verdadeira e participativa, as relacións
igualitarias, solidarias e pacíficas entre as persoas,
etnias, xéneros e pobos, condenando a todas as formas de
dominación ou de submisión dun ser humano a outro.
-
O Foro Social Mundial, como espazo de debates, é un
movemento de ideas que estimula a reflexión e a
divulgación transparente dos resultados desa reflexión
sobre os mecanismos e instrumentos de dominio do capital,
sobre os medios e as accións de resistencia e de
superación dese dominio, sobre as alternativas propostas
para solucionar os problemas de exclusión e desigualdade
social que están sendo creados, tanto internacionalmente
como no interior dos países, polo proceso de globalización
capitalista, coas súas dimensións racistas, sexistas e
destructivas do medio ambiente.
-
O Foro Social Mundial, como espazo de intercambio de
experiencias, estimula o mutuo coñecemento e o
recoñecemento por parte das entidades e movementos
participantes, valorando o intercambio, en especial
daquelo que a sociedade constrúe para centrar a actividade
económica e a acción política na atención ás necesidades
do ser humano e o respeto pola natureza, tanto para a
xeración actual como para as futuras.
-
O Foro Social Mundial, como espazo de articulación, busca
fortalecer e crear novas articulacións nacionais e
internacionais, entre entidades e movementos da sociedade,
que aumenten, tanto na esfera pública como na privada, a
capacidade de resistencia social non violenta ao proceso
de deshumanización que vive o mundo e á violencia
utilizada polo Estado, ademáis de fortalecer aquelas
iniciativas de humanización que están en curso a través da
acción deses movementos e entidades.
-
O Foro Social Mundial é un proceso que estimula ás
entidades e movementos participantes a que coloquen as
súas accións locais e nacionais xunto ás instancias
internacionais, como cuestións de cidadanía planetaria,
introducindo na axenda global as prácticas transformadoras
que estean vivenciando para a construcción dun novo mundo
máis solidario.
Aprobada e adoptada en São Paulo,o 9 de abril de 2001, po
las entidades que constitúen o Comité de Organización do
Foro Social Mundial.
Aprobada
con modificacións polo Consello Internacional do Foro Social
Mundial o día 10 de xuño de 2001.
|