Foro 2010-Compostela: A Paz como Cultura

Chamamento do Foro 2010 e do FME-Compostela aos movementos que integran os procesos emancipadores do Foro Mundial de Educación e o Foro Social Mundial.

(cas) (eng)

O Foro 2010, celebrado en Santiago de Compostela (Galicia) durante todo o mes de decembro de 2010, con tres congresos internacionais, unha xuntanza de alto nivel e, especialmente, o Foro Mundial de Educación temático sobre “Educación, Investigación e Cultura de Paz” –xunto con numerosas actividades artísticas e culturais paralelas–, insta aos movementos, organizacións, redes e individuos que conflúen nos procesos do Foro Social Mundial (FSM) e o Foro Mundial de Educación (FME), para que a Cultura da Paz constitúa un dos eixes de actuación transversal na procura dun outro mundo posíbel, ou de moitos outros mundos posíbeis.
A Cultura de Paz debe ser entendida en sentido amplo, como educación para a paz, para os dereitos humanos e para a democracia, para a emancipación social e o coñecemento, para a autodeterminación dos pobos e a xustiza ambiental, xunto coa procura da superación definitiva da pobreza e a fame, da exclusión social e das desigualdades, a defensa inequívoca do diálogo intercultural e das culturas e linguas minorizadas, así como a prevención dos conflitos e a consolidación da paz.
Do mesmo xeito, o Foro 2010 fai un chamamento para que a Declaración de Santiago de Compostela sobre o Dereito Humano á Paz, aprobada por unanimidade no Congreso Internacional celebrado no marco do Foro 2010 entre os días 9 e 10 de decembro, sexa un obxectivo específico do FSM e do FME, na pretensión lexítima de que o dito dereito sexa aprobado polas Nacións Unidas e incorporado á lexislación complementaria da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
As organizacións e movementos que confluiron no Foro 2010, manifestan o seu compromiso cos valores e principios do movemento altermundialista e os procesos enfrontados á dominación do mundo polo capital do FSM e o FME, na demanda dun outro mundo posíbel, máis xusto, máis democrático e máis humano, sen miseria, sen pobreza, sen desigualdades e asoballamentos territoriais, nacionais e/ou sociais, no que os inxentes recursos destinados ao armamentismo no mundo se orienten a satisfacer as necesidades humanas básicas e no que as necesidades das persoas e mailo planeta primen sempre sobre os intereses do capital.
O Comité Organizador do Foro 2010 e o FME-Compostela manifesta o seu repudio á política de fronteiras pechadas da Unión Europea e o Estado español, que impediu a presenza en Santiago de Compostela das delegacións procedentes de Nixeria, Guinea-Bissau, Senegal, Serra Leoa, Haití e outros moitos casos en Colombia e outros países. A idea dunha Europa fortaleza, blindada aos migrantes e a outras culturas, non é un bo camiño para alcanzar a paz universal, mais ben ao contrario, fomenta as desigualdades, o racismo, a xenofobia e o odio. O Comité quere tamén manifestar a súa máis enérxica condena pola ocupación policial da Universidade de Porto Rico, un feito intolerábel en calquera recinto universitario do mundo.
Finalmente, o Comité Organizador do Foro 2010 e o Comité Local Galego, queren agradecer publicamente ás máis de 70 entidades e movementos sociais colaboradores, ás organizacións participantes –máis de 200–, aos delegados e delegadas de máis de 40 países de todo o mundo, ás institucións e ás entidades privadas, nomeadamente á Universidade de Santiago de Compostela, o seu esforzo e apoio. Tamén aos artistas pola súa participación. E moi especialmente, aos máis de 100 voluntarios e voluntarias que fixeron posíbel que durante o mes de decembro Galiza enteira e Santiago de Compostela fose unha referencia internacional da Cultura de Paz.
Santiago de Compostela, 13/12/2010
Esta entrada fue publicada en Notícias/Noticias/Nouvelles/News. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *