21 de Setembro, Día Internacional da Paz

Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ

vindeiro 21 de Setembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional pola Paz, unha data promovida polas Nacións Unidas para fortalecer os ideais de paz tanto dentro como entre as nacións e os pobos do mundo. O tema escollido este ano para a celebración céntrase no Dereito dos Pobos á Paz desde a perspectiva de que a promoción da paz é fundamental para o pleno goce de todos os dereitos humanos.

      O International Day of Peace estableceuse por primeira vez en 1981 por unha Resolución, a 36/37 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas para que coincidise coa súa sesión de apertura que ten lugar o terceiro martes de Setembro de cada ano.
       Foi en 2001 cando de novo a Asemblea Xeral aprobou, por unanimidade, outra Resolución, a 55/282, que estableceu o 21 de Setembro como un día anual en favor da nonviolencia e o alto o fogo nos conflitos bélicos.
        Como cada ano, as Nacións Unidas convidan tanto ás nacións como ás persoas de boa vontade para acadar o remate das hostilidades durante todo ese día, en calquera lugar do mundo onde exista violencia armada, durante vintecatro horas polo menos, así como a desenvolver iniciativas de paz por medio da educación e a sensibilización da cidadanía.
   Na páxina web das Nacións Unidas, http://www.un.org/en/events/peaceday/
calquera persoa interesada, o profesorado para as súas aulas, pode atopar diversos documentos útiles para organizar actividades diversas, o cartaz conmemorativo e outros recursos didácticos, entre eles, a Declaración sobre o Dereito dos Pobos á Paz que empeza por reafirmar o propósito principal da ONU que non é outro que o mantemento da paz e a seguridade internacional sobre a base dos principios fundamentais do dereito internacional xa establecidos na Carta Fundacional das Nacións Unidas, aquela que empeza precisamente dicindo: «Nosoutros os pobos, resoltos a preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra,…«
http://www.un.org/es/documents/charter/
   A mesma declaración sobre o dereito dos pobos á paz expresa a vontade e as aspiracións de todos os pobos do mundo de eliminar a guerra da vida da humanidade e, especialmente, de evitar unha catástrofe nuclear mundial proclamando solemnemente o dereito sagrado á paz para tódolos pobos do mundo.
   Para asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz requírese que a política dos Estados estea orientada cara a eliminación da ameaza da guerra, especialmente da guerra nuclear, á renuncia ó uso da forza nas relacións internacionais e ó arranxo das controversias internacionais por medios pacíficos de conformidade coa Carta das Nacións Unidas.
   Remata a citada Declaración facendo un chamamento a tódolos Estados e a todas as organizacións internacionais para que contribúan por tódolos medios a asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz mediante a adopción de medidas pertinentes nos planos nacional e internacional, xusto, precisamente, o que a Comunidade Internacional non fai diante dos numerosos conflitos bélicos abertos en distintos lugares do planeta, particularmente, en Oriente Medio, Libia, Siria, Iraq, Afganistán… en Gaza, sometida ata hai ben pouco a un auténtico xenocidio sen consecuencias para o Estado de Israel, ou no corazón de Europa, ás portas de Rusia, en Ucraína, por non citar outros conflitos armados, os chamados «esquecidos» que tamén se prolongan no tempo sen merecer un minuto de telexornal que os poña no foco da actualidade.
     Cando se celebre en todo o mundo o Día Internacional da Paz, o 21 de Setembro, as forzas armadas españolas, unha fragata con base naval en Ferrol, a F-102, estará participando nuns exercicios militares que o Estado Español secunda, no marco da OTAN, nos que uns 1300 soldados de 15 países, a maioría da UE, baixo as ordes dos EE.UU, realizarán na cidade ucraína de Yavoriv, concretamente entre o 15 e o 26 de Setembro, nun operativo denominado «Rapid Trident» das forzas estadounidenses en Europa.
      Paralelamente a OTAN ben de acordar o seu rearme no Leste de Europa cunha forza de intervención rápida. España e a UE envían armamento á zona de conflito e mesmo doan material militar a Ucraína. A UE ven de demandar ós estados membros o progresivo incremento dos seus respectivos presupostos de defensa en plena crise económica e cando a maioría da poboación sofre as consecuencias dos recortes e das políticas austericidas.
    Non parecen estas manobras en Ucraína, no limex occidental fronte a Rusia, a mellor maneira de contribuír a rebaixar a tensión internacional en Europa e de responder ós chamados das Nacións Unidas.
     Desde o Seminario Galego de Educación para a Paz (www.sgep.org) facemos un chamamento á reflexión e á acción, particularmente nas aulas, na defensa do dereito dos pobos á paz, ó dereito humano á paz, aínda pendente de aprobación, así como a solución pacífica e negociada dos conflitos nacionais e internacionais.
Esta entrada fue publicada en Artigos/Artículos/Articles. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *